O Museo de Verín reinventa as Xornadas micolóxicas “Rocos, Turtullos e Cacabinas” achegándoas ás redes sociais.
O Museo Claustro Mercedario de Verín, en colaboración co enxeñeiro e experto en micoloxía Rafael Castro Vaamonde, optou por trasladar a que sería a terceira edición das Xornadas micolóxicas “Rocos, Turtullos e Cacabinas” ás redes sociais. Con este fin, o experto micolóxico inaugura o perfil “Rocos turtullos e Cacabinas” en Facebook e Instagram co obxectivo de trasladar a experiencia da micoloxía ao mundo dixital.
Con esta iniciativa, os organizadores procuran dar continuidade a unha actividade que en tan só dúas edicións amosou contar co respaldo e interese da veciñanza. Deste xeito, a actividade consolídase dentro da axenda cultural da vila á vez que se gaña un carácter máis universal, perdurable e continuo no tempo grazas ás novas tecnoloxías.
Nos perfís dixitais iranse compartindo materiais divulgativos da man dun profesional da talla de Rafael Castro Vaamonde. A estratexia xira a unha mensaxe clara: “A micoloxía non é cousas de competición nin por cantidade nin por variedade. É o achegamento á natureza o que resulta realmente satisfactorio, e débese facer do xeito máis sostible posible”.
As xornadas micolóxicas “Rocos, Turtullos e Cacabinas” naceron como unha actividade para canalizar a ampla afección polas setas que existe de antano no Val de Monterrei. Búscase crear unha voz con acento propio que recoñeza as singularidades incluso terminolóxicas que existe na nomenclatura dos fungos na comarca. Entre as actividades que se levaban a cabo destacan as clases teóricas, as saídas ao campo e as catas gastronómicas nas que participaron decenas de persoas cada ano. Tamén destaca a exposición cos exemplares recollidos durante as actividades que contaba con atención directa dos micólogos, con Rafael Baamonde á cabeza, e que aportaban recomendacións de seguridade e consellos sobre a utilización das guías e o seu uso para o coñecemento e a clasificación.